As mil tarefas dunha avoa aínda nova

Fita síntese como unha rapaza por dentro. Foi profesora de Instituto durante moitos anos en Santiago de Compostela. Xubilouse, pero isto non quere dicir que deixase de traballar. Ten mil tarefas ás que atender.

Nacín nun pobo galego, e fomos 15 irmáns. O meu pai contaxioume a súa paixón polo ensino. Era mestre galeguista que ao quedar sen escola montou un colexio en Villagarcía de Arousa con moito esforzo. Tras estudar Filosofía e Letras, casei e opositei para ser profesora de Literatura. Traballei en institutos de Ourense, Lalín, Caldas de Rei, e finalmente nun de Santiago, onde traballei durante vinte anos até a xubilación

Ao longo da vida tiven, como tantos, que afrontar moitas dificultades e problemas persoais, familiares, profesionais, económicos, etc. Entre outros, estiven enferma no hospital, perdemos á miña irmá Alicia, a miña filla Begoña morreu nun accidente de coche aos sete anos... Con axuda doutras persoas tiven que traballar e viaxar moito para sacar adiante aos fillos, facendo compatible familia e traballo.

Sempre tivera fe en Deus, pero recoñezo que as dificultades me axudaron a madurar. A través de dúas irmás miñas que eran da Obra coñecín o Opus Dei, e aprendín entón a atopar mellor a Deus na vida ordinaria -tamén nos problemas- e a afrontar todo con El. Comprendín que, pase o que pase, Deus está sempre aí, connosco, e isto axudoume a ser forte e a esforzarme por axudar mellor a outros, a través da familia, a catequese na parroquia, o Instituto, etc. Fun alí Xefa de Estudos, e tamén tiven dificultades con algúns colegas, pero aprendín a convivir e aceptar a todos e acabamos sendo moi amigos.

Hai algúns anos xubileime. Celebramos unha Misa na Catedral, e logo os meus compañeiros do Instituto prepararon unha homenaxe, ao que asistiron os meus familiares e amigos doutros centros docentes. Algunhas cousas que dixeron entón gustaríame que fosen de verdade realidade na miña vida: "foi sempre coherente;... foi unha muller valente;... buscaba sempre o ben de todos;... comprendía e aceptaba a todos aínda que tivesen ideas distintas...".

Agora teño moitos traballos entre mans, que enchen a miña vida. Por unha banda, os meus once netos e os meus oito fillos son unha prioridade, e procuro colaborar todo o que podo, cando necesitan axuda. Un neto estivo moi grave -podería non haber nado, se os seus pais seguisen o consello médico de abortar- e sacámolo adiante. Outros veñen comer ou a estar uns días, ou a que lles axude nos estudos, etc. Tamén procuro darlles bos consellos, ensinarlles a rezar, etc. ¡Unha avoa hoxe ten mil tarefas educativas!

Sigo visitando persoas enfermas, e dando clases de apoio aos nenos ingresados no hospital, para que poidan seguir os seus estudos. Tamén involucreime nunha Asociación que axuda a persoas soas, e vou visitar a outros anciáns para acompañarlles, facerlles algunha xestión, etc.

Sigo en contacto coa Literatura -a miña vocación profesional- aínda que doutra maneira. Hai anos empezamos un Club de Lectura nunha Asociación Cultural que promoveramos, e actualmente seguimos tendo reunións para analizar libros interesantes. Pola rúa atopo antigos alumnos e familias, e alégrame moito ver os seus progresos.

Descubro aínda moitas cousas por facer... Teño ilusión por axudar á xente e síntome moza por dentro. En realidade penso que o que nos fai vellos non é a idade nin a xubilación, senón non saber amar... Vexo moitas persoas e moitos problemas: pero sempre hai algo ao noso alcance que podemos facer, e coa axuda de Deus e o noso esforzo, contribuír a que a nosa sociedade sexa máis humana.