“As ensinanzas de Benedicto XVI sobre a Eucaristía aléntanme no meu traballo pastoral”

Víctor Sánchez Lado é párroco en Santiago de Compostela e pertence á Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz

En primeira persoa

Son párroco de San Caetano en Santiago de Compostela, onde levo 36 anos. Pertenzo á Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz, e coñecín o espírito do Opus Dei pouco antes de ordenarme, en 1960, con 23 anos. Ese espírito reforzaba o que desexaba vivir dende sempre. Dende o principio, cando me durmía nos loureiros axudábanme a descubrir novos horizontes cos consellos da dirección espiritual ou co que escoitaba nos medios de formación.

Hai dous anos un amigo suxeriume a posibilidade de traballar pastoralmente cos inmigrantes. Pouco a pouco funme entusiasmando coa idea e comecei a facer plans. Pensei que xa existían institucións que se ocupaban das súas necesidades materiais. O que moitos necesitan é calor humana e acompañamento espiritual, un estímulo que os axude e conforte nos seus primeiros anos no novo país, cando máis difícil resulta adaptarse á mentalidade e os costumes. Coñezo ben a situación de moitos deles: ao principio atópanse moi sós, sen amigos e con grandes dificultades para integrarse.

Á primeira reunión viñeron unhas corenta persoas, latinoamericanos na súa maioría. O programa era sinxelo: tras unha charla sobre algún aspecto da vida cristiá, xantabamos xuntos, polo sistema de buffet. Quedamos en reunirnos un sábado de cada mes, e dende entón fóronse sucedendo moitas cousas fermosas: bautizos, vodas, peregrinacións, etc.

Santiago de Compostela

Outro faceta que me encanta do meu traballo son as visitas aos enfermos. Son moi agradecidos e danme un exemplo constante de paciencia e oración. Pídolles que recen polas necesidades da parroquia e do mundo enteiro e estou seguro que o Señor escoita especialmente a súa oración de expiación.

De cando en vez organizamos peregrinacións na parroquia a santuarios marianos, como Lourdes, Fátima ou Torreciudad, ás que adoitan asistir, como media, medio centenar de persoas. Son uns días de convivencia inesquecibles, nos que procuro axudalos para que melloren na súa vida de oración e no seu trato persoal co Señor, mentres visitamos monumentos e contemplamos a beleza de diversas paraxes.

Axudoume moito un documento recente de Benedicto XVI no que o Papa subliña a importancia que ten a parroquia como comunidade centrada na Eucaristía. Esas ensinanzas aléntanme no meu traballo pastoral cotián: a Misa dominical e diaria, as devocións eucarísticas, e especialmente, a exposición e adoración do Santísimo Sacramento que coidan as mulleres dunha asociación piadosa, as Marías de los Sagrarios.