Aprender dos que nada teñen

Héctor Piñeiro é oficial da Marina Española, nas súas moitas viaxes tivo a oportunidade de vivir experiencias conmovedoras

Do Opus Dei

Meu nome é Héctor Piñeiro López. Como oficial da Armada Española, tiven oportunidade de arribaren a cidades e países tan distintos coma S. Petersburgo, Somalia ou a India. O feito de estaren nestes países de culturas tan diferentes permitiu decatarme -en vivo e en directo- da importancia que lle prestan á fe os cristiáns asentados nestes sitios de Deus.

Así e todo, as experiencias máis conmovedoras pasámolas nas derradeiras travesías polo Mediterráneo onde atopamos unha patera con 114 inmigrantes a bordo que navegaba á deriva e sen víveres dende 3 ou 4 días antes.

En cumprimento da Normativa Marítima SOAS (Safety of Life at Sea), acollemos aos 114 inmigrantes perante 6 días ( do 11 ao 16 de xullo de 2011), entrementres non deixábamos de pescudar país que poidera acollelos.

Os inmigrantes proviñan de diversos países da África Occidental (Malí, Níxer, Nixeria, Burkina Faso, Costa do Marfil, Guinea-Bissau); todos eles fuxían de Libia na procura dun futuro mellor, visto que o Réxime de Gadafi estaba a piques de rematar e aveciñaba unha situación social a peor.

Os días de convivencia cos inmigrantes a bordo da nosa fragata son experiencia difícil de esquecer para toda a nosa tripulación que conviveu 6 dias a carón destes inmigrantes. E compartimo-lo que poidemos (comida, roupa, menciñas) poisque estabamos certos que ainda tardaríamos tempo en fornecernos. Compartimo-lo noso encantados e de boa gana. A lección que para min tirei foi que, ao dármonos aos demais, tamén nós saíamos gañando ….

Todos tiñamos conciencia da delicada situación que estaba a pasar esta xente, poisque, moitos dos inmigrantes xa perderan familiares na operación de fuxida de Libia: mulleres perderon maridos e maridos perderon ás súas mulleres. Mesmamente outros nin tan siquera tiñan novas dos seus familiares que alí na Libia quedaron.

Asemade, na súa fuxida, investiran todo canto tiñan e agora atopábanse cun futuro incerto. Mália o dramatismo da situación, a miúdo víamolos rir, xogar e ata mesmo cantar cancións dos seus países de orixe: semellaba evidente que, estas persoas adoitaban vivir contentas. Tal evidencia facíame a min cavilar verbo do que realmente precisamos para ser felices.

¿Como é que probes extranxeiros amosen unha actitude tan positiva fronte a vida en condicións tan extremas? A resposta obtivémola ao día seguinte: foi unha escena que endexamais esquecerei. Velaí: no abrente do 12 de xullo imos a ver que moitos dos inmigrantes (cristiáns) nada máis espertar axiña se poñen pa face-la súa "oración da mañá". Un deles ergueuse e rezou en alto. En na fala inglesa louvaba e daba grazas a Deus por lle conserva-la vida a tódolos seus compañeiros de fuxida e, pulando a voz dicía: " Meu Deus: nas túas mans ficamos, non nos deixes, Ti es o único que temos ".

Poucas veces escoitei unha oración tan estremecente que puña de manifesto o corazón san destas persoas que acudían a Deus coma quen se achega ao único acubillo que pode remedia-la precariedade da propia vida. Para estas persoas os intres máis importantes do día sempre eran estes do rezo.

Outravolta: decateime tamén que das poucas cousas que cadaquén conservaba (un pequeño petro con obxectos imprescindibles ) nunca faltaba alí o libriño dos Evanxeos nos cristiáns, ou ben do Corán no caso dos musulmáns, que tamén facían pregarias de seu en rechamante recollemento varias veces ao día.

Dende entón xa sabemos onde procuraban a ledicia e o optimismo estes africáns afectados sen culpa por unha andaina humana tan complicada como ésta. Porén, a súa fiducia e o seu abandono nas mans de Deus foron a auténtica lección para todos nós.

  • Héctor Piñeiro