Ángel Lasheras, novo vicario do Opus Dei en Galicia: "Ser sacerdote é algo marabilloso, que cambia a túa vida por completo"

O máximo responsable do Opus Dei en Galicia, afirma nunha entrevista en La Voz de Galicia, que da coherencia coa fe cristiá nace tamén un exercicio máis responsable da cidadanía.

D. Ángel Lasheras Presas

Ao igual que o cardeal Herranz, Anxo Lasheras, o novo vicario do Opus Dei en Galicia, estudou Medicina antes de abrazar o sacerdocio. No seu caso, nas Universidades de Santiago de Compostela e Sevilla. Pero tras uns anos nos que tamén exerceu a docencia, marchou a Roma para estudar, na Pontificia Universidade da Santa Cruz, Filosofía Eclesiástica, e doutorarse cunha tese que dirixe a súa mirada aos ámbitos da Metafísica. Tras regresar a España, Lasheras desempeñou, entre outras responsabilidades, a de vicario da Prelatura para Castilla-León, Asturias e Cantabria. Agora, de novo en Galicia, di que, como sacerdote, ve Santiago con ollos novos. Mentres a través da súa ventá, situada fronte ao convento das Carmelitas, entra a luz do tímido sol dos invernos de Compostela, di que «o Camiño segue obrando milagres» e que quen contempla a catedral construída sobre a tumba do Apóstolo ten ante si «a historia da Igrexa».

-Vostede ordenouse sacerdote en Roma en 1997, cando contaba 42 anos de idade...

-Si, en 1997. Pero dende que tiña 18 anos de idade e estudaba o primeiro curso de Medicina xa pertencía á Obra. Por aquel entón, sendo tan novo, estaba convencido de que a miña vida estaría encamiñada á Medicina, pero despois un vai madurando, tanto no espiritual coma no persoal, e chega un momento no que se decata de que está disposto a ordenarse sacerdote se o Señor o quere. Así que cando dende a prelatura me ofreceron a posibilidade de marchar a Roma e alí formarme para iso, aceptei inmediatamente.

-¿Como se vive o sacerdocio dende esa madureza?

-Ser sacerdote é algo marabilloso, que cambia completamente a túa vida. Percibir a graza de Deus, vivir para apoiar as persoas que temos a noso arredor e facelo coa mirada posta en Xesucristo, é algo que che permite ver a existencia dunha forma moi diferente. Ao facer deste ano, do 2009, o Ano Sacerdotal, o Papa pediunos a todos os sacerdotes que sexamos verdadeiros santos; e creo que o que temos que intentar cada día é precisamente iso.

D. Ángel nun momento da entrevista

-¿Que espera do próximo ano santo xacobeo?

-Agora, e iso é algo que quero agradecer ao arcebispo [Xulián Barrio] e ao cabildo, estou a ir confesar á catedral, e iso permíteme ver como a xente vén a Santiago a reconciliarse co Señor. A catedral de Santiago é un sitio diferente de calquera outro. E o Camiño de Santiago marcou á cidade porque en verdade é un camiño de conversión. Por iso, o que espero do próximo ano santo é que grazas a el sexan cada vez máis as persoas que sentan a chamada da reconciliación.

-¿Con cántos membros conta hoxe o Opus Dei en Galicia ?

-Con máis de 2.100, entre agregados, numerarios e supernumerarios, que son a maioría e case todos casados. Mulleres e homes. Pero a esa cifra hai que sumar a de todas as persoas que colaboran coa Obra dalgún xeito, e que son incontables.

-¿e esa cifra tende a crecer, ou pola contra decrece?

-Imos a máis, sen dúbida. En Galicia estamos a crecer. O prelado do Opus Dei, cando estivo aquí unhas horas este verán, díxonos que polo moito que o noso fundador, san Xosemaría Escrivá de Balaguer, que estivo en La Estila e na catedral, rezara polo labor apostólico nas súas repetidas estanzas nestas terras, tiñamos que chegar a todos os rincóns de Galicia, e iso é o que eu quero.

-¿Cantos sacerdotes teñen en Galicia?

-En Galicia contamos con 41 sacerdotes incardinados na prelatura , que teñen como principal misión o labor de formación e apostolado que é propio da Obra, aínda que despois tamén poidan colaborar coas parroquias ou en calquera misión que precisen as dióceses. Pero despois está, ademais, a Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz , formada por sacerdotes diocesanos que queren vivir a súa identidade sacerdotal a través da espiritualidade do Opus Dei, e que agora son uns 150, máis ou menos.

-¿Cales son hoxe os seus principais obxectivos no ámbito da Educación?

-A Obra ten encomendada a formación cristiá en centros como Peñarredonda e Montespiño , en A Coruña, e Las Acacias , Montecastelo e Aloya, en Vigo. O que queremos é ensinar aos alumnos a vivir cristiamente, porque cremos que vivir de xeito coherente coa fe cristiá permite ser bos cidadáns e tamén coherentes na vida. E tratamos de programar, ademais, dende os centros, actividades que non cheguen soa aos alumnos, senón tamén ás súas familias. Que as familias enteiras poidan beneficiarse delas.

-¿Bota vostede de menos a súa vida doutro tempo?

-Non, non a boto de menos. Todos temos a nosa biografía, claro, pero a formación que recibimos axúdanos a saber vivir no presente, sen morriñas. O meu horizonte non é o pasado, senón o futuro. E cando a sociedade se está a afastar de Deus, creo que a miña misión é traballar para que as persoas poidan coñecelo. Para que a xente se achegue a Deus de novo

Ramón Loureiro. La Voz de Galicia