A conversión dos fillos de Deus

O Mércores de Cinza empeza a Coresma. San Xosemaría pronunciou esta homilía neste tempo litúrxico no que aconsella "manter a alma nova, invocar o Señor, saber oír, descubrir o que vai mal, pedir perdón"

Entramos no tempo de Coresma: tempo de penitencia, de purificación, de conversión. Non é tarefa doada. O cristianismo non é camiño cómodo: non abonda estar na Igrexa e deixar que pasen os anos. Na vida nosa, na vida dos cristiáns, a conversión primeira -ese momento único, que cada un recorda, no que se advirte claramente todo o que o Señor nos pide- é importante; pero máis importantes aínda, e máis difíciles, son as sucesivas conversións. E para facilitar o labor da graza divina con estas conversións sucesivas, fai falta manter a alma nova, invocar o Señor, saber oír, descubrir o que vai mal, pedir perdón.

Invocabit me et ego exaudia meum, lemos na liturxia deste domingo (Ps XC, 15 (Introito da misa).): se acudides a min, eu escoitareivos, di o Señor. Considerade esta marabilla do coidado de Deus connosco, disposto sempre a oirnos, pendente en cada momento da palabra do home. En todo tempo -pero dun modo especial agora, porque o noso corazón está ben disposto, decidido a purificarse-, El óenos, e non desatenderá o que pide un corazón contrito e humillado (Ps L, 19.).

Óenos o Señor, para intervir, para meterse na nosa vida, para librarnos do mal e enchernos de ben: eripia meum et glorificabo eum (Ps XC, 15 (Introito da misa).), librareino e glorificareino, di do home. Esperanza de gloria, polo tanto: xa temos aquí, como outras veces, o comezo dese movemento íntimo, que é a vida espiritual. A esperanza desa glorificación acentúa a nosa fe e estimula a nosa caridade. Deste modo, as tres virtudes teologales, virtudes divinas, que nos asemellan ao noso Pai Deus, puxéronse en movemento.

¿Que mellor xeito de comezar a Coresma? Renovamos a fe, a esperanza, a caridade. Esta é a fonte do espírito de penitencia, do desexo de purificación. A Coresma non é só unha ocasión para intensificar as nosas prácticas externas de mortificación: se pensásemos que é só iso, escaparíanos o seu fondo sentido na vida cristiá, porque eses actos externos son -repito- froito da fe, da esperanza e do amor.

Arriscada seguridade do cristián

Qui hábitat in adiutorio Altissimi, in protectione Dei coeli commorabitur (Ps XC, 1 (Introito da misa), habitar baixo a protección de Deus, vivir con Deus: esta é a arriscada seguridade do cristián. Hai que estar persuadidos de que Deus nos oe, de que está pendente de nós: así encherá de paz o noso corazón. Pero vivir con Deus é indubidablemente correr un risco, porque o Señor non se contenta compartindo: quéreo todo. E achegarse un pouco máis a El quere dicir estar disposto a unha nova conversión, a unha nova rectificación, a escoitar máis atentamente as súas inspiracións, os santos desexos que fai xermolar na nosa alma, e a poñelos por obra.

Dende a nosa primeira decisión consciente de vivir con integridade a doutrina de Cristo, é seguro que avanzamos moito polo camiño da fidelidade á súa Palabra. Non obstante, ¿non é verdade que quedan aínda tantas cousas por facer?, ¿non é verdade que queda, sobre todo, tanta soberbia? Fai falta, sen dúbida, unha nova mudanza, unha lealdade máis plena, unha humildade máis profunda, de modo que, diminuíndo o noso egoísmo, creza Cristo en nós, xa que illumo portet crescere, mea utem minui (Ioh III, 30.), fai falta que El creza e que eu diminúa.

Non é posible quedar inmóbiles. É necesario ir adiante cara á meta que San Pablo sinalaba: non son eu o que vivo, senón que Cristo vive en min (Gal II, 20.). A ambición é alta e nobilísima: a identificación con Cristo, a santidade. Pero non hai outro camiño, se se desexa ser coherente coa vida divina que, polo Bautismo, Deus fixo nacer nas nosas almas. O avance é progreso en santidade; o retroceso é negarse ao desenvolvemento normal da vida cristiá. Porque o lume do amor de Deus necesita ser alimentado, crecer cada día, arraigándose na alma; e o lume mantense vivo queimando cousas novas. Por iso, se non se fai máis grande, vai camiño de extinguirse.

Recordade as palabras de Santo Agustín Agustín: Se dixeses basta, estás perdido. Vai sempre a máis, camiña sempre, progresa sempre. Non permanezas no mesmo sitio, non retrocedas, non te desvíes (S. Agustín, Sermo 169, 15 (PL 38, 926).).

A Coresma agora ponnos diante destas preguntas fundamentais: ¿avanzo na miña fidelidade a Cristo?, ¿en desexos de santidade?, ¿en xenerosidade apostólica na miña vida diaria, no meu traballo ordinario entre os meus compañeiros de profesión?

Cada un, sen ruído de palabras, que conteste a esas preguntas, e verá como é necesaria unha nova transformación, para que Cristo viva en nós, para que á súa imaxe se reflicta limpamente na nosa conduta.

Se algún quere vir detrás de min, néguese a si mesmo, tome a súa cruz cada día e sígame (Lc IX, 23.). Dínolo Cristo outra vez a nós, como ao oído, intimamente: a Cruz cada día. Non só -escribe San Xerónimo- no tempo da persecución, ou cando se presenta a posibilidade do martirio, senón en toda situación, en toda obra, en todo pensamento, en toda palabra, neguemos aquilo que antes eramos e confesemos o que agora somos, posto que renacemos en Cristo (S. Xerónimo, Epistula 121, 3 (PL 22, 1013).).

Esas consideracións non son en realidade máis que o eco daquelas outras do Apóstolo: verdade é que noutro tempo non erades senón tebras, pero agora sodes luz no Señor; e así, procedede como fillos da luz. O froito da luz consiste en camiñar con toda bondade e xustiza e verdade: buscando o que é agradable a Deus (Eph V, 8-10.).

A conversión é cousa dun instante; a santificación é tarefa para toda a vida. A semente divina da caridade, que Deus puxo nas nosas almas, aspira a crecer, a manifestarse en obras, a dar froitos que respondan en cada momento ao que é agradable ao Señor. É indispensable por iso estar dispostos a recomezar, a reatopar -nas novas situacións da nosa vida- a luz, o impulso da primeira conversión. E esta é a razón pola que temos que prepararnos cun exame fondo, pedindo axuda ao Señor, para que poidamos coñecelo mellor e nos coñezamos mellor a nós mesmos. Non hai outro camiño, se queremos converternos de novo.

O tempo oportuno Exhortamur ne in vacuum gratiam Dei recipiatis (2 Cor VI, 1 (Epístola da misa).), exhortámosvos a non recibir en van a graza de Deus. Porque a graza divina poderá encher as nosas almas nesta Coresma, sempre que non pechemos as portas do corazón. Habemos de ter estas boas disposicións, o desexo de transformarnos de verdade, de non xogar coa graza do Señor.

Non me gusta falar de temor, porque o que move ao cristián é a Caridade de Deus, que se nos manifestou en Cristo e que nos ensina a amar a todos os homes e a creación enteira; pero si debemos falar de responsabilidade, de seriedade. Non vos queirades enganar a vós mesmos: de Deus ninguén se burla (Gal VI, 7.) advírtenos o mesmo Apóstolo.

Hai que decidirse. Non é lícito vivir mantendo acendidas esas dúas velas as que, segundo o dito popular, todo home se procura: unha a San Miguel e outra ao demo. Hai que apagar a candea do demo. Habemos de consumir a nosa vida facendo que arda toda enteira ao servizo do Señor. Se o noso afán de santidade é sincero, se temos a docilidade de poñernos nas mans de Deus, todo irá ben. Porque El está sempre disposto a darnos a súa graza e, especialmente neste tempo, a graza para unha nova conversión, para unha mellora da nosa vida de cristiáns.

Non podemos considerar esta Coresma como unha época máis, repetición cíclica do tempo litúrxico. Este momento é único; é unha axuda divina que hai que acoller. Jesús pasa ao noso lado e espera de nós -hoxe, agora- unha gran mudanza.

Ecce nunc tempus acceptabile, ecc enunc dies salutis (2 Cor VI, 2 (Epístola da Misa).): este é o tempo oportuno, que pode ser o día da salvación. Outra vez óense os asubíos do bo Pastor, con esa chamada cariñosa: ego vocavi te nomine tuo (Is XLIII, 1.). Chámanos a cada un polo noso nome, co apelativo familiar co que nos chaman as persoas que nos queren. A tenrura de Jesús, por nós, non cabe en palabras.

Considerade comigo esta marabilla do amor de Deus: o Señor que sae ao encontro, que espera, que se coloca á beira do camiño, para que non teñamos máis remedio que o ver. E chámanos persoalmente, falándonos das nosas cousas, que son tamén as súas, movendo a nosa conciencia á compunción, abríndoa á xenerosidade, imprimindo nas nosas almas a ilusión de ser fieis, de podernos chamar o seu discípulos. Abonda percibir esas íntimas palabras da graza, que son como un reproche tantas veces afectuoso, para que nos decatemos de que non nos esqueceu en todo o tempo no que, pola nosa culpa, non o vimos. Cristo quérenos co cariño inesgotable que cabe no seu Corazón de Deus.

Mirade como insiste: oinche no tempo oportuno, axudeiche no día da salvación (2 Cor VI, 2 (Epístola da misa).). Posto que El che promete a gloria, o amor seu, e cha dá oportunamente, e te chama, ti, ¿que lle vas dar ao Señor?, ¿como responderás, como responderei tamén eu, a ese amor de Xesús que pasa?

Ecce nunc dies salutis, aquí está fronte a nós, este día de salvación. A chamada do bo Pastor chega ata nós:  ego vocavi te nomine tuo, chameiche a ti, polo teu nome. Hai que contestar -amor con amor que paga- dicindo: ecce ego quia vocasti me (1 Reg III, 9.), chamáchesme e aquí estou. Estou decidido a que non pase este tempo de Coresma como pasa a auga sobre as pedras, sen deixar rastro. Deixareime empapar, transformar; convertereime, dirixireime de novo ao Señor, queréndoo como El desexa ser querido.

Amarás o Señor Deus teu con todo o teu corazón, e con toda a túa alma, e con toda a túa mente (Mt XXII, 37.). ¿Que queda do teu corazón, comenta Santo Agustín, para que poidas amarte a ti mesmo?, ¿que queda da túa alma, qué da túa mente? "Ex toto", di. "Totum exigit te, qui fecit te" (Sermo 34, 4, 7 (PL 38, 212).); quen te fixo esixe todo de ti.

Despois desta protesta de amor, hai que comportarse como amadores de Deus. In omnibus exhibeamus nosmetipsos sicut Dei ministros (2 Cor VI, 4 (Epístola da Misa).), comportémonos en todas as cousas como servidores do Señor. Se te dás como El quere, a acción da graza manifestarase na túa conduta profesional, no traballo, no empeño para facer ao divino as cousas humanas, grandes ou pequenas, porque polo Amor todas adquiren unha nova dimensión.

Pero nesta Coresma non podemos esquecer que querer ser servidores de Deus non é doado. Sigamos co texto de San Pablo, que recolle a Epístola da Misa deste domingo, para recordar as dificultades: Como servidores de Deus -escribe o Apóstolo-, con moita paciencia no medio de tribulacións, de necesidades, de angustias, de azoutes, de cárceres, de sedicións, de traballos, de vixilias, de xaxúns; con pureza, con doutrina, con longanimidade, con mansedume, con Espírito Santo, con caridade sincera, con palabras de verdade, con fortaleza de Deus (2 Cor VI, 4-7.).

Nos momentos máis dispares da vida, en todas as situacións, habemos de comportarnos como servidores de Deus, sabendo que o Señor está connosco, que somos fillos seus. Hai que ser conscientes desa raíz divina, que está enxertada na nosa vida, e actuar en consecuencia.

Estas palabras do Apóstolo deben enchervos de alegría, porque son como unha canonización da vosa vocación de cristiáns correntes, que vivides en medio do mundo, compartindo cos demais homes, vosos iguais, afáns, traballos e alegrías. Todo iso é camiño divino. O que vos pide o Señor é que, en todo momento, obredes como fillos e servidores seus.

Pero esas circunstancias ordinarias da vida serán camiño divino, se de verdade nos convertemos, se nos entregamos. Porque San Pablo fala unha linguaxe dura. Promete ao cristián unha vida difícil, arriscada, en perpetua tensión. ¡ Como foi desfigurado o cristianismo, cando se quixo facer del unha vía cómoda! Pero tamén é unha desfiguración da verdade pensar que esa vida fonda e seria, que coñece vivamente todos os obstáculos da existencia humana, sexa unha vida de angustia, de opresión ou de temor.

O cristián é realista, cun realismo sobrenatural e humano, que advirte todos os matices da vida: a dor e a alegría, o sufrimento propio e o alleo, a certeza e a perplexidade, a xenerosidade e a tendencia ao egoísmo. O cristián coñece todo e enfróntase con todo, cheo de enteireza humana e da fortaleza que recibe de Deus.

As tentacións de Cristo

A Coresma conmemora os corenta días que pasou Xesús no deserto, como preparación deses anos de predicación, que culminan na Cruz e na gloria da Pascua. Corenta días de oración e de penitencia. Ao rematar, tivo lugar a escena que a liturxia de hoxe ofrece á nosa consideración, recolléndoa no Evanxeo da Misa: as tentacións de Cristo (Cfr. Mt IV, 1-11.).

Unha escena chea de misterio, que o home pretende en van entender -Deus que se somete á tentación, que deixa facer ao Maligno-, pero que pode ser meditada, pedindo o Señor que nos faga saber o ensino que contén.

Xesucristo tentado. A tradición ilustra esta escena considerando que o Noso Señor, para darnos exemplo en todo, quixo tamén sufrir a tentación. Así é, porque Cristo foi perfecto Home, igual a nós, salvo no pecado (Cfr. Heb IV, 15.). Despois de corenta días de xaxún, co solo alimento -quizais- de herbas e de raíces e dun pouco de auga, Xesús sente fame: fame de verdade, como a de calquera criatura. E cando o demo lle propón que converta en pan as pedras, o Noso Señor non só rexeita o alimento que o seu corpo pedía, senón que afasta de si unha incitación maior: a de usar do poder divino para remediar, se podemos falar así, un problema persoal.

Notariádelo ao longo dos Evanxeos: Jesús non fai milagres en beneficio propio. Converte a auga en viño, para os esposos de Caná (Cfr. Ioh II, 1-11.); multiplica os pans e os peixes, para dar de comer unha multitude famenta (Cfr. Mc VI, 33-46.). Pero El gaña o pan, durante longos anos, co seu propio traballo. E, máis tarde, durante o tempo do seu peregrinar por terras de Israel, vive coa axuda daqueles que lle seguen (Cfr. Mt XXVII, 55.).

Relata San Xoan que, despois dunha longa camiñada, ao chegar Xesús ao pozo de Sicar, fai que os seus discípulos vaian ao pobo a comprar comida; e vendo achegarse á samaritana, pídelle auga, porque El non tiña con que obtela (Cfr. Ioh IV, 4 ss.). O seu corpo fatigado polo longo camiñar experimenta o cansazo, e outras veces, para repoñer as forzas, acode ao sono (Cfr. Lc VIII, 23.). Xenerosidade do Señor que se humillou, que aceptou en pleno a condición humana, que non se serve do seu poder de Deus para fuxir das dificultades ou do esforzo. Que nos ensina a ser recios, a amar o traballo, a apreciar a nobreza humana e divina de saborear as consecuencias do entregamento.

Na segunda tentación, cando o demo lle propón que se bote dende o alto do Templo, rexeita Xesús de novo ese quererse servir do seu poder divino. Cristo non busca a vanagloria, o aparato, a comedia humana que intenta utilizar a Deus como pano de fondo da propia excelencia. Xesucristo quere cumprir a vontade do Padre sen adiantar os tempos nin anticipar a hora dos milagres, senón percorrendo paso a paso o duro sendeiro dos homes, o amable camiño da Cruz.

Algo moi parecido vemos na terceira tentación: ofrécenselle reinos, poder, gloria. O demo pretende estender, a ambicións humanas, esa actitude que debe reservarse só a Deus: promete unha vida doada a quen se prostra ante el, ante os ídolos. O noso Señor reconduce a adoración ao seu único e verdadeiro fin, Deus, e reafirma a súa vontade de servir: apártate Satanás; porque está escrito: adorarás o Señor Deus teu, e a El só servirás (Mt IV, 10.).

Aprendamos desta actitude de Xesús. Na súa vida na terra, non quixo nin sequera a gloria que lle pertencía, porque tendo dereito a ser tratado como Deus, asumiu a forma de servo, de escravo (Cfr. Phil II, 6-7.). O cristián sabe así que é para Deus toda a gloria; e que non pode utilizar como instrumento de intereses e de ambicións humanas a sublimidade e a grandeza do Evanxeo.

Aprendamos de Xesús. A súa actitude, ao opoñerse a toda gloria humana, está en perfecta correlación coa grandeza dunha misión única: a do Fillo amadísimo de Deus, que se encarna para salvar os homes. Unha misión que o cariño do Pai rodeou dunha solicitude enchida de tenrura: Filius meus es tu, ego hodie genui te. Postula a me et dabo tibi gentes hereditatem tuam (Ps II, 7.): Ti es o meu fillo, eu xereiche hoxe. Pide, e dareiche as xentes como herdade.

O cristián que -seguindo a Cristo- vive nesa actitude de completa adoración do Pai, recibe tamén do Señor palabras de amorosa solicitude: Porque espera en min, librareino; protexereino, porque coñece o meu nome (Ps XC, 14 (Tracto da Misa).).

Xesús dixo que non ao demo, ao príncipe das tebras. E axiña se manifesta a luz. Con iso deixouno o demo; e hei aquí que se achegaron os anxos e lle servían (Mt IV, 11.). Xesús soportou a proba. Unha proba real, porque, comenta Santo Ambrosio, non obrou como Deus usando do seu poder (¿de que, entón, nos aproveitaría o seu exemplo?), senón que, como home, se serviu dos auxilios que ten en común connosco (S. Ambrosio, Expositio Evangelii secundum Lucam, 1, 4, 20 (PL 15, 1525).).

O demo, con intención torcida, citou o Antigo Testamento: Deus mandará os seus anxos, para que protexan o xusto en todos os seus camiños (Ps XC, 11 (Tracto da Misa).). Pero Xesús, rexeitando tentar ao seu Pai, devolve a esa pasaxe bíblica o seu verdadeiro sentido. E, como premio á súa fidelidade, cando chega a hora, preséntanse os mensaxeiros de Deus Pai para servirlle.

Pega a pena considerar este modo, que Satanás utilizou con Xesucristo Señor Noso: argumenta con textos dos libros sagrados, torcendo, desfigurando de modo blasfemo o seu sentido. Xesús non se deixa enganar: ben coñece o Verbo feito carne a Palabra divina, escrita para salvación dos homes, e non para confusión e condena. Quen está unido a Xesucristo polo Amor, podemos concluír, non se deixará nunca enganar por un manexo fraudulento da Escritura Santa, porque sabe que é típica obra do demo tratar de confundir a conciencia cristiá, discorrendo dolosamente cos mesmos termos empregados pola eterna Sabedoría, intentando facer -da luz- tebras.

Contemplemos un pouco esta intervención dos anxos na vida de Xesús, porque así entenderemos mellor o seu papel -a misión anxélica- en toda vida humana. A tradición cristiá describe aos Anxos Custodios como a uns grandes amigos, postos por Deus ao lado de cada home, para que o acompañen nos seus camiños. E por iso invítanos a tratalos, a acudir a eles.

A Igrexa, ao facernos meditar estas pasaxes da vida de Cristo, recórdanos que, no tempo de Coresma, no que nos recoñecemos pecadores, cheos de miserias, necesitados de purificación, tamén cabe a alegría. Porque a Coresma é simultaneamente tempo de fortaleza e de gozo: habemos de enchernos de alento xa que a graza do Señor non nos faltará, porque Deus estará ao noso lado e enviará aos seus Angeles, para que sexan os nosos compañeiros de viaxe, nosos prudentes conselleiros ao longo do camiño, os nosos colaboradores en todas as nosas empresas. In manibus portabunt te, ne forte offendas ad lapidem pedem tuum(Ps XC, 12 (Tracto da Misa).), segue o salmo: os Anxos levarante coas súas mans, para que o teu pé non tropece en pedra ningunha.

Hai que saber tratar aos Anxos. Acudir a eles agora, dicir ao teu Anxo Custodio que esas augas sobrenaturais da Coresma non esvararon sobre a túa alma, senón que penetraron ata o fondo, porque tes o corazón contrito. Pídelles que leven ao Señor esa boa vontade, que a graza fixo xerminar da nosa miseria, como un lirio nacido na esterqueira. Sancti Angeli, Custodes nostri: defendite nos in proelio, ut non pereamus in tremendo iudicio (Dunha oración dirixida a San Miguel, nas festas litúrxicas que lle dedica o Misal romano.). Santos Anxos Custodios: defendédenos na batalla, para que non perezamos no tremendo xuízo.

(Homilía pronunciada o 2-III-1952, I Domingo de Coresma, publicada en "É Cristo que pasa" e editada en audio por Maiestas )